Wednesday 08 de May de 2024

Un total de 140 concellos facilitan aos veciños a recollida de residuos voluminosos “porta a porta” grazas á rede de puntos limpos móbiles


— Recorda que a Xunta dispón desde o ano 2019 axudas para a adquisición deste tipo de vehículos cos que facilitar a recollida de residuos domésticos, como botes de pintura, televisores ou enxoval

— Ángeles Vázquez anima ás administracións públicas a mancomunar este tipo de servizos para facelos eficientes e sostibles

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que un total de 140 concellos xa poden facilitar a recollida de residuos voluminosos ‘porta a porta’ grazas á rede de puntos limpos móbiles, financiada pola Xunta de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente visitou o punto limpo de Frades, un dos municipios beneficiados na convocatoria de 2021; onde recordou que desde 2019 –ano da primeira convocatoria- o Goberno galego ten mobilizado 2,6 millóns de euros para adquirir 58 puntos limpos móbiles que dan servizo a 140 concellos galegos, ou o que é o mesmo, a máis de 620.000 habitantes, un 23% da poboación de Galicia.

Ángeles Vázquez indicou que esta rede deu un salto cualitativo este ano, pois só ao abeiro da convocatoria de 2021, concedéronse 23 novos puntos limpos, polo que se incrementou nun 65,7% grazas ao investimento autonómico de 1,27 millóns de euros.

Tamén destacou que a esta rede móbil súmase a rede de puntos fixos- preto dos 150- que dan servizo a 2,2 millóns de galegos que contan cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio.

A modo de exemplo, citou a colaboración entre Frades e Mesía que -grazas a unha axuda de case 70.000 euros- facilitarán este servizo mancomunado e que no caso de Frades, complementará o servizo do punto limpo fixo, posto en marcha hai sete anos grazas a unha achega autonómica de 276.000 euros.

Nese sentido, o alcalde de Frades, Roberto Rey, destacou que grazas a este vehículo se chegará a todas as parroquias e se avanzará coa veciñanza un paso máis na correcta reciclaxe dos residuos. Asemade, o rexedor de Mesía, Mariano Iglesias, salientou que este traballo colaborativo con Frades permite aportar un grao de area á xestión sostible dos residuos que redunda nunha mellora ambiental.

A conselleira de Medio Ambiente animou ás administracións a impulsar este tipo de servizos de xeito mancomunado, pois é unha garantía de eficiencia e sostibilidade, ao tempo que se reducen os custes para as arcas municipais.

Por último, Vázquez Mejuto salientou que grazas a este tipo de iniciativas se evita o depósito no contedor xeral de residuos como botes de pintura, aceites, televisores, pantallas ou enxoval.